Sunday 07 de July de 2024

A Xunta renovará o web oficial de Toponimia para a normalización, xeolocalización e difusión da Toponimia Galega


As consellerías de Cultura e Educación e Medio Ambiente e a Amtega colaboran na elaboración deste portal, así como na publicación dunha nova edición do Nomenclátor

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, presentou un adianto do novo portal oficial de Toponimia de Galicia (toponimia.xunta.gal), un web que será actualizado ao abeiro da colaboración entre a Vicepresidencia autonómica, as consellerías de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio -a través do Instituto de Estudos do Territorio (IET)- e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) para a renovación desta ferramenta e para a publicación dunha nova edición do Nomenclátor da Xunta de Galicia. Na presentación participaron tamén o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a directora da Amtega, Mar Pereira; a directora do IET, Inés Santé; e mais Xesús Ferro Ruibal, membro da Real Academia Galega.

Tanto no novo web como na versión actualizada do Nomenclátor revisaranse os 30.000 nomes que xa figuran coas coordenadas, e xeorreferenciaranse arredor de 10.000 nomes de entidades de poboación que figuran no Nomenclátor da Xunta de Galicia e que non as posúen, que quedarán incluídos. Neste momento xa se están a realizar os traballos de campo e de recompilación de información lingüística e xeográfica para publicar ambas as ferramentas antes de que remate o ano.

O obxectivo destas actuacións é elaborar un novo Nomenclátor corrixido e actualizado que sexa fonte única de información oficial e normalizada para todas as Administracións e para cartografía de Galicia, evitando duplicidades, así como divulgar este documento xeorreferenciado entre organismos públicos (locais, autonómicos e estatais), empresa privada e público en xeral. A introdución das coordenadas xeográficas de cada topónimo para localizalo a través das novas ferramentas TIC permitirá o seu uso en aplicacións de uso habitual na actualidade como navegadores de vehículos ou buscadores de enderezos.

Por outra banda, o renovado web do Proxecto Toponimia de Galicia contará con contidos divulgativos destinados a difundir o valor, riqueza e singularidade dos topónimos galegos, protexidos pola Lei de normalización lingüística e recoñecidos como parte do noso patrimonio inmaterial pola Lei para a salvagarda do patrimonio inmaterial do Estado español e pola Lei de patrimonio cultural de Galicia.

Así mesmo, a medio e longo prazo, procurarase a colaboración de asociacións e particulares na recompilación e xeolocalización da microtoponimia. Esta iniciativa dá continuidade, asemade, aos traballos que o Goberno galego realiza a través do Proxecto Toponimia de Galicia, tanto a nivel autonómico como municipal. De feito, o novo web permitirá consultar o estado do proxecto nos diversos concellos galegos.

Quince anos de andaina
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, indicou que o Proxecto Toponimia leva xa máis de 15 anos de andaina, no que toda a Xunta está implicada nel, e destacouno coma un proxecto de gran importancia cultural e histórica, que contribúe á recuperación dunha parte tan rica do noso patrimonio, coma é a toponimia.
Rueda incidiu que este proxecto é unha iniciativa aberta á cidadanía, no que pode colaborar, xa que coa nova aplicación poderán facer as súas achegas e enriquecer aínda máis as bases de datos, dispoñible para PC, tableta e smartphone, que permite así a recollida e xeorreferenciación da microtoponimia galega.
O Proxecto Toponimia de Galicia, posto en marcha no ano 2000 como un proceso complementario ao Nomenclátor de Galicia, aborda a recuperación do que se vén chamando microtoponimia, é dicir, a toponimia referente ás entidades xeográficas distintas dos núcleos de poboación, tales como terras de cultivo, cursos de auga, outeiros e montes. A iniciativa naceu coa intención de salvar un patrimonio que en Galicia é particularmente rico, debido a factores diversos como o espallamento da poboación no territorio, a división da terra en parcelas moi pequenas ou a orografía.
Divulgación da toponimia
O secretario xeral de Política Lingüística salientou a colaboración decisiva do seu departamento na recuperación e fixación dos topónimos na súa forma lingüística, en estreita colaboración coa Real Academia Galega. Así mesmo, sinalou a importancia do portal Toponimia de Galicia en prol da modernización da imaxe da lingua e cultura galegas, ao tempo que como estratexia de divulgación das singularidades dos nomes dos lugares galegos e da súa orixe. Esta iniciativa funciona, asemade, como forma de sensibilizar a poboación da urxencia que ten recoller, protexer e difundir este tesouro cultural.

Pola súa parte a directora da Amtega, Mar Pereira, destacou que toponimia.xunta.gal será a cara visible dunha iniciativa que xeorrefencia toda a toponimia de Galicia. Pereira enmarcou esta iniciativa nas medidas da Axenda Dixital de Galicia 2020 para dixitalizar o patrimonio cultural material e inmaterial da Comunidade e destacou que a tecnoloxía nos ofrece solucións avanzadas para preservar o noso patrimonio e para facelo universal e accesible a todo o mundo. A directora da Amtega apuntou que se está a traballar para que no medio prazo calquera veciño, asociación ou institución desde un PC, unha tableta ou smartphone conectado a internet, poidan facer a recolleita da microtoponimia da súa aldea, parroquia ou concello, segundo unha metodoloxía predefinida, introducila nunha base de datos e xeorreferenciala.

Un portal colaborativo
A renovación do portal de Toponimia de Galicia afecta ao deseño, que é máis actual e atractivo, pero tamén a aspectos como a súa usabilidade; de tal forma que o novo web poderá visualizarse en PC, móbil intelixente ou tableta, o que facilitará o seu uso por exemplo en viaxes. Ademais, incluirá contidos atractivos para achegar á sociedade a importancia da toponimia e dar a coñecer a riqueza e variedade dos nomes de lugar galegos.

Segundo a demostración amosada hoxe, o portal estará dividido en diversas seccións. Na centrada na divulgación arredor da toponimia, ademais de dar a coñecer o labor da Comisión de Toponimia -órgano asesor da Xunta de Galicia nesta materia- haberá unha pestana de normativa e outra con publicacións (con acceso aos pdf correspondentes sempre que iso é posible) e ligazóns.

Outra das seccións estará dedicada a achegarlle á sociedade o Proxecto Toponimia de Galicia e os seus resultados. Nela darase conta do estado do proxecto nos diversos concellos galegos, anunciaranse as exposicións públicas de toponimia que se fan nos diferentes concellos e darase a coñecer a metodoloxía do proxecto.

Así mesmo, porase a disposición da cidadanía un apartado chamado ‘Colabora’, que albergará unha aplicación que lle ofrecerá ao voluntariado cultural de Galicia facilidades para contribuír a un proxecto coma este, que salvagarda o noso patrimonio cultural.